0.Entre
a ensinanza virtual, que nos desangra tanto a alumnado como a min e
na que non creo -a pesar de poñerlle todo o afán e vontade en que
sirva para algo-, e os escasos momentos de pracer hedonista que podo
rescatar deste encerro forzoso, sinto o cerebro que me estoura e por
iso, os temas van tamén abrollando coma choupíns nun día de
outono.
1.
De repente, nunha sociedade confinada, preténdese solucionar todo o
que non se fai no día a día dunha vida desenclaustrada. Gobernantes
e gurús predican aspectos tan sorprendentes coma absurdos: a
educación a distancia permitirá "avaliar a capacidade de
desenvolvemento como ser humano do alumnado" (ministra Celáa
dixit); a medicina do futuro virá a través dunha diagnose realizada
a distancia, sen valoración corpórea e visual directa dos corpos
(Feijóo dixit); ir a un supermercado é mellor que xogar ao aire
libre ou pasear (Goberno dixit e logo rectifica pola vía das
'ostias'); controlar con fins nada honrosos o clima de críticas ao
goberno (Marlaska dixit), etc, etc.
2.
Non soporto as mensaxes que se asentan en convencerme de que o
confinamento é para protexer a miña saúde. Para iso non foi. Foi/é
para o motivo fundamental de que o sistema sanitario e de asistencia
social non escachen. E aínda así escacharon (Madrid, Catalunya,
hospitais de campaña e morgues improvisadas). Non hai máis que ver
onde se produciu a maior parte dos contaxios en Galicia: residencias
de persoas maiores e centros hospitalarios e sanitarios. Para
tranquilizar a conciencia afírmase que as persoas contaxiadas son
moitísimas máis que as recontadas oficialmente e establécense
proxeccións numéricas especulativas sobre esa realidade. Mais o
certo é que fallaron os mecanismos de previsión: localizar os focos
iniciais de contaxio, test masivos, control e abastecemento material
de protección aos colectivos máis expostos e máis vulnerables. Iso
non se fixo e, considerando que o noso sistema público de saúde
tiña as costuras un tanto delicadas a prevención derivou en
paliativo.
3.
Ademais de obrigarnos a sorrir e gozar do confinamento, Gobernantes e
gurús desempolvan o receitario da positividade, como se fose
negativo estar disconforme con este confinamento e as súas
consecuencias físicas, psíquicas, emocionais, económicas, sociais,
etc. Esta circunstancia foi moi ben analizada polo filósofo
Byung-Chul Han que fala mesmo da imposición no imaxinario do
'positivo', cando a dialéctica do negativo é o que move toda
descoberta, todo avance científico e afortala toda democracia.
4.
Só o silencio do obediente pensamento correcto pode aceptar o
autoritarismo que se detecta na actuación dos Gobernantes. Este
autoritarismo e a represión que se detecta: Por que se sanciona a un
grupo de manifestantes que ían provistos de protección e estaban a
unha distancia prudente un de outro? Como ser disidente e discrepante
se incluso as redes sociais son sometidas ao escrutinio
gubernamental?
5.
Chomsky afirma nunha entrevista en Rebelión (24/04/2020) que existe
a posibilidade de que os Estados se convirtan en altamente
autoritarios e represivos para espallar o manual do neoliberalismo
con máis forza mesmo que agora.
O
futuro dirá como se reordena o Estado, se contra os intereses e
desexos das oligarquías do capital, coa aplicación de receitas
sociais, que afortalen servizos públicos e ben común, ou se a favor
desa mesma oligarquía deixando que a débeda pública se coma todo
avance en servizos públicos e salarios dignos. Manuel
Humberto Restrepo afirma que para "los
dueños del mundo (...) el virus resulta estimulante, inclusive para
neoliberizar el amor y la muerte, que parecían cosa de poesía. Nada
va a quedar estable, pero no por el virus, el capital será aún más
liquido (Bauman), màs burbuja (Sloterdij), más rizoma (Deleuze),
pero en todo caso, más parecido al carbón que se quema en la
maquina y desaparece sin dejar rastro (Marx)". A imaxe do rizoma
lévanos á hipercultura propia destes tempos de pantalla
e órdago dixital (Byung-Chul Han, La
hiperculturalidad,
2018), onde nada ten estrutura de proceso, de desenlace e moito menos
de horizonte.
6.
A min persoalmente, resúltame incómoda a expresión de ledicia do
confinamento, que considero falaz e impostada. Como se a gran
pantalla en que se converteu a comunicación humana fose unha
marabilla ou, peor aínda, unha oportunidade. Este novo
mantra, unha auténtica navallada sobre o que nos fai realmente
humanos, non deixa de abrollar debuxando o contorno da linguaxe do
pensamento politicamente correcto. Aí están as plataformas de todo
tipo aproveitando a fenda: que se libros dixitais, que se educación
dixital, que se medicina dixital, que se sexo dixital, etc...
7.
Paradoxalmente, neste ideario da positividade latexa tamén a
sospeita. A sospeita nace cando non se sabe operar coa negatividade
natural e lóxica que posúen os feitos. Todos os días confróntome
coa tarefa de tentar transmitir algún coñecemento -para nada vou
seguir o decálogo da OCDE e dos gurús neoliberais do ensino- sobre
a miña materia. Fágoo, pero non caio na falacia de pensar que isto,
como xa dixen, é educación ou ensino. A escola e os corpos en
copresenza son o pórtico fundamental para unha educación crítica e
emancipadora.
8.
Ao facer isto, defendo a miña capacidade como docente de saber que
esta situación é unha aberración educativa e de poder ponderar
todas as incógnitas e saber que criterios e que instrumentos de
avaliación son pertinentes para unha situación complexa e absurda
ao mesmo tempo. Pero que non me procuren convencer de que o anuncio
no BOE resolve nada...porque, como todo anuncio, como toda literatura
performativa, dependerá da eficacia, eficiencia e coherencia das
accións encamiñadas a dar conta do que figure no papel.
9.
Cegueira ou inxenuidade? A sociedade capitalista aséntase na
estratificación social e para que haxa o 1% dominante arriba ten que
existir un 99% dominado. E nese 99% tamén hai substanciais
diferencias de clase e de asunción de cotas de poder.
Pénsese,
senón, nos que están enchendo os seus petos coa enfermidade? Na
farmacia do barrio un bote de xabón aséptico de 100 ml pasou de un
par de euros a custar case 6€, e non digamos as máscaras...tamén
os produtos de primeira necesidade, os alimenticios, incrementaron os
seus prezos ante a demanda existente. Non é preciso saber de
economía para deducir que o capital busca beneficio sempre e
que, desde o minuto un en que se decreta o Estado de Alarma, había
que contemplar un abano de medidas intervencionistas que limitasen o
prezo dos produtos básicos de tipo alimenticio e sanitario. Toda a
literatura política asentada en Marx sabe que en tempos de crise, o
capital fai caixa e prepara escenarios. Máis, se cabe, cando eles
mesmos fixeron uso das metáforas bélicas: sabido é que na guerra
civil triunfou estraperlo...
10.
E cando falamos de encher o peto, tamén falamos de enchelo coas vontades
alleas para configurar o escenario da política. En Bolivia o racismo
supremacista e golpista da branquitude segue asasinando as
posibilidades dos seguidores de Evo Morales, acusándoos e levándoos
ao cárcere (até 3 anos!!!) de seren 'escapistas do confinamento';
en Colombia segue a persecución de líderes indíxenas; en Salvador
Luis Alvarenga (Rebelión, 24/04/2020) infórmanos da utilización do
discurso do medo e da represión:
Lo
que no logra verse siempre es que la eficacia de la cuarentena
obligatoria no está acompañada por la eficacia en las medidas de
detección y seguimiento de casos sospechosos de tener el virus.
El gobierno ha mantenido un discurso
de miedo hacia la expansión de la epidemia, al utilizar datos
preocupantes de otros países, para vaticinar que el coronavirus
llegará hasta la puerta de cada casa, junto a las amenazas a la
población que no acate el confinamiento ni el estado de excepción.
El ministro de seguridad pública amenazó con enviar a los centros
de retención a cualquier detenido, donde, según sus palabras, «se
contagiará con el virus». Las detenciones arbitrarias se
multiplican de modo alarmante Más
aún, el peligro es que el estado de excepción deje de ser
excepcional y se convierta en algo normalizado. Algo de eso advertía
Walter Benjamin.
Non
está o medo detrás do comportamento lamentable da delación? Das
ameazas e dos escritos denigratorios cara a persoal sanitario e
outros? Non foi amplificado ese medo coa militarización da axuda e
coa comunicación cotiá de sancións e de toda a numeroloxía que
conleva contaxios e mortes? A ninguén lle parece antidemocrático
que se pronlongue o Estado de Alarma coa restrición de dereitos e
liberdades?
11.
Álvaro García Linera, nunha conferencia dada en Arxentina, fálanos
de que "un
pánico global se ha apoderado de los medios de comunicación y una
niebla de sospecha sobre el otro cercano, portador de la enfermedad,
quiere encumbrarse en el espíritu de la época. (...). Se trata de
una manera mutilada de globalizar la sociedad que, al tiempo de
generar más desigualdades e injusticias, debilita los mecanismos de
protección y cuidado creados a lo largo de décadas por los
diferentes estados nacionales. No estamos ante un Estado social
protector sino patrimonializado por una aristocracia de los negocios,
como ya sucedió durante todo el periodo neoliberal que nos ha
llevado a este momento de descalabro societal" (pódese consultar en Rebelión, 24/04).
12.
Nese amplo espectro de aristocracia do 1%, por poñer un exemplo,
está o mundo das comunicacións, da tecnoloxía virtual: Padece esta
crise ou benefíciase dela? Eva Illiouz fala da "gran fiesta de
la tecnlogía virtual (...). No tengo dudas de que en el mundo
post-coronavirus la vida virtual y a larga distancia tomará un vuelo
propio" ("El coronavirus y la insportable levedad del
capitalismo", Rebelión, 18-IV-2020).
13.
Agora, co virus, queren dar a sensación de que a enfermidade nos
iguala -unha enorme e cruenta falacia-. É certo que todas as persoas
podemos enfermar, pero non todas temos as mesmas posibilidades de
cura. Comprobado está que as persoas empobrecidas son as que sofren
e morren máis debido a todo tipo de enfermidades evitables. Porque o
mundo non empeza e acaba nas paredes da casa dun. O confinamento fai
que perdamos tamén esa perspectiva, mais hai que saber erguer a
vista máis aló do horizonte inmediato da 'República Independente
da miña casa'.
14.
Por iso, recomendamos a lectura do artigo de Guadi Calvo, "África:
Covid-19 y una guerra que siempre comienza" (Rebelión,
18/IV/2020), onde fai un reconto das consecuencias nos campamentos
que existen no continente africano, ateigados de persoas desprazadas,
de migrantes, de refuxiadas das numerosas guerras, famentas,
expulsadas pola seca e polas inundacións...Quen pensa e actúa por
esas persoas nunha sociedade confinada? Que sistemas de saúde
públicos permitirán a curación dunha enfermidade máis -cruenta si
e mortal cos enfraquecidos de saúde- entre as numerosas que golpean
África e as sociedades empobrecidas? Se acceden ao artido do
arxentino Guadi Calvo coñecerán como os conflitos bélicos sacuden
o continente africano e algúns datos sobre campamentos de
refuxiados.
15.
Non creo na resignación á hora de perder dereitos e liberdades en
democracia, cómpre esixirmos que os Estados asuman o seu rol, tal
como o teñen que asumir á forza hoxe, e que garantan a fortaleza de
todos os servizos públicos e que renuncien aos recortes, á
degradación do público e á privatización, os mantras neoliberais
que foron os que nos levaron a esta situación de confinamento -que
respecto, pero non comparto, ao ollar o que fan Portugal, Suecia ou
Alemania- e de desastre xeralizado...sobre todo cando saiamos do
túnel.
Xabier
Ron
Brión,
24 de abril de 2020
Foto que sae hoxe en La Voz de Galicia ilustrando a diferenza entre Tui e Valença |
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire