dimanche 6 février 2011

O ESTADO NON PROTEXE, ATACA ÁS PERSOAS


Pode semellar que me afundo nas raíces do anarquismo, deixándome xa atrapar, pero non (a pesar de que teño a pensadores anarquistas como Onfray entre os meus favoritos, e a pesar de que teño no meu ADN comunista unha enorme composición anarquista, tal como o carácter libertario, epicúreo e ético do individuo).

O que si acontece é que este Estado burgués, coa súa poderosa máquina de control, represión, imposición e dominio, coa súa sacrosanta admiración polas receitas máis mortíferas e devastadoras do capitalismo (reforma laboral; fondos públicos para a banca e bancarización das caixas; redución orzamentaria a educación-sanidade-servizos sociais; pensionazo;...), incumpre todas e cada unha das funcións protectoras que debe ter un Estado realmente democrático.

Son innumerables as probas, mais nesta reflexión quero dar cabida a dous feitos moi actuais e que, realmente, me anoxan e cabrean: a) os desahucios e b) os "esquecementos" da Administración Pública.

a) Os desahucios
Os desahucios de milleiros de persoas caen nese rango. Moitos destes desahucios responden a expropiacións forzosas, mal remuneradas, e sobre todo moi tarde. Expulsións en nome do progreso capitalista que é antes ben unha completa involución e que atacan a dignidade desas persoas.

O Estado máquina arrolladora, xera unhas marxes sociais cada vez máis frecuentadas por persoas de todo tipo e que responden a un mesmo perfil: foron enganados polos axentes de persuasión do capital. Nesta óptica entran os outros desahucios, os que veñen provocados por non poder atender a unha hipoteca sempre desorbitada, imposible de pagar neste tempo de naufraxio. O culpable principal: o sistema bancario, ese que se beneficiou do diñeiro público e que se queda agora coas vivendas e quere seguir cobrando a hipoteca adebedada. Verdadeiro atendado social que algún acto de xustiza pode frear, pero que debera ser cancelado xa pola maquinaria estatal. Pero...interésalle ao Estado impedir que milleiros de persoas, de familias se queden na rúa, sen fogar....despois de que quedasen sen traballo e dos ingresos????

b) Os "esquecementos" da Administración Pública
Agora falarei dalgúns aspectos do que denomino "esquecementos" da responsabilidade da Administración Pública como prestadora de servizos, como protectora ante situacións de clara vulneración. Un deses esquecementos vén dado pola cobertura ás familias que teñen nenos ou nenas con cancro. Auténticas penurias que, por riba, teñen que lidiar coa "comprensión" da empresa e do Estado para non seren privadas de traballo e de axudas económicas para soportar o duro trance que supón o proceso de cancro (véxase o excelente perfil que nos trae hoxe Jorge Casanova en La Voz). Burocracia fronte a humanidade. E menos mal que existen entes privados que achegan o seu diñeiro vía fundacións para cubrir o que non fai a Administración Pública. E isto aínda, se cabe máis, cabréame. Non vou criticar o xesto das persoas enriquecidas (Tojeiro, Jove) pero si censuro que o Estado, vía fiscalización progresiva, non faga o que ten que facer para afortalar o Estado de Benestar e poñer en marcha mecanismos desde o público que protexan a estas persoas en situacións tan difíciles coma esas.

Os "esquecementos" das Administracións Públicas son contínuos no tocante á protección de persoas en situación de risco de exclusión social. Unhas subvencións destinadas a organizacións e os dereitos sociais convértense en caridade. Así operan.

Este Estado burgués non sabería protexer ás persoas. Non é esa a súa intención. Tan só quere manter unha determinada posición de certas elites situadas na toma de decisións dos asuntos principais que afectan á vida das persoas. De feito, e volvendo ao urbanismo e aos desahucios, algúns especialistas en urbanismo como Jean-Paul Dollé sinalan que ao capitalismo non lle interesan as persoas sen fogar (sans logis). O capitalismo quere prescindir dos que non poden ser propietarios, aos que considerará lixo (déchets)

Os hipócritas que rexen os nosos destinos pensan que temos que soportar pacientemente o que eles decidan. Pode ser que sexa así durante un tempo, mais, como vemos en Túnez ou en Exipto, a paciencia ten un punto de non retorno e entón estourará a indignación xeneralizada dunha sociedade cansa de verse, cada vez máis, no cárcere das marxes.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire