Medraches
coa forza que dá o tempo
dunha vida sen sobresaltos
e eu era o amigo confidente
Acolliches nos teus soños
as imaxes dos contos
e creaches cores nunca olladas
Cando falabas
o teu optimismo contaxiaba
e eu non sabía realmente por que
E namorácheste
viches nel o rostro dos contos
e nos seus ollos o espello do amor
Non me facías caso
sei de homes que teñen
serpes no niño do amor
"parvadas" respondiches enfadada
E casaches
o branco que sempre desexaras
a cor da felicidade dicías
e eu ateo entrei ver como te encadeabas
E comezou
pouco a pouco
os verbos perderon a súa paixón
dos adxectivos caeu a flor
e os substantivos fíxeronse frialdade
e a túa queixa era folerpa de outono
E díxencho
"déixao"
mais seguías pendurada dese espello
era amor dicías
E finalmente fuches nai
eras de novo feliz
mais eu intuía que soportabas
os ventos feridos
e durmias cada vez máis soa
e intuía todos os teus medos
"déixao"
"vaite"
"reconstrúe a túa vida"
e de novo nada
algo que non entendía
forxaba a túa condea
E sucedeu
desapareciches sen me escoitar
e sigo maldecindo a todas esas serpes
que matan o amor
Porque hai que denunciar, os ciumes non son amor, 18-maio-2011
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire