lundi 30 mai 2011

UN DICIONARIO QUE ATENTA CONTRA A MEMORIA REPUBLICANA

Hai uns anos, xa non sei se catro, cinco ou máis, chegoume o ofrecemento de colaborar nunha ambiciosa obra auspiciada pola Real Academia de la Historia. En concreto, a miña colaboración tiña que ver coas correspondentes fichas de 2 ou 3 trobadores da lírica galego-portuguesa, ao igual que outros compañeiros e compañeiras que compartíamos os mesmos sendeiros de investigación.

Pasan os anos, e, cando menos o agardas, sae á luz pública e coa parafernalia habitual para que sexa un acontecemento único. Abofé que o conseguiron, pero por outros motivos que non os científicos. Para a elaboración dos 50 tomos empregáronse 6,4 millóns de euros, saídos do tesouro público. A subvención foi aprobada en tempos de Aznar, en 1998, seica, a través do Ministerio de Educación e Cultura.

Non sei se non sería preferible ser menos ambicioso e si máis científico. Explícome. Ser moi abranguente dificulta a coordinación e a definitiva publicación dunha obra. Pero, e aínda mantendo a opción da “totalidade”, sería quizais preferible ir por tomos (de 2 en 2, por exemplo) e non agardar a publicar o primeiros 25 como fixeron.

Dígoo porque resulta triste ver os efectos do paso do tempo que, de forma lóxica, provoca que as entradas elaboradas sexan obsoletas en datos esenciais. Nestes anos houbo novos avances en materia de documentación medieval que achegan nova luz sobre as zonas escuras –as máis numerosas-, onde aínda viven moitos dos trobadores e xograres da lírica medieval galego-portuguesa.

Pero, o máis triste é recoñecer que cómpre non participar en proxectos sen saber realmente quen forma parte do mesmo. Quen participa nel para determinar o criterio científico que pode acadar o proxecto. Isto ten un alcance que, no caso do novo Diccionario Biográfico Español, revélase aldraxante.

E teño que recoñecer que estou coñecendo o alcance da aldraxe a través do xornal Público quen, onte e hoxe, recolle perlas que negan que Franco fose un ditador; que negan que o seu goberno fose totalitario; ou que afirman algo tan lamentable como que Negrín foi ditador. O estilo é tan haxiográfico e profranquista que produce vómito epistémico. O feito de que as entradas en cuestión fosen entregadas a historiadores afins ao réxime franquista e mesmo algún vencellado á Fundación Francisco Franco demostra que existía unha estratexia clara de afortalar a vitoria, de atacar ao movemento da memoria histórica e impedir que a memoria da dignidade rache co esquecemento e acade a súa necesaria reparación.

Deliberada manipulación da historia. Chea de terxiversacións. Queren impoñer agora unha versión haxiográfica do ditador ao mesmo tempo que limpan o currículo do patrocinador inicial do diccionario, Aznar. Os historiadores que participan desta perversa lectura serán xulgados, paradoxalmente, pola propia historia e levados ao “inferno” dos autores esquecidos. Iso agardo eu.

E maldigo, desde xa, que o meu nome estea vencellado a ese dicionario. Que borren o meu nome. Quizais se saben que son ateo, republicano e “rojo” non sexa preciso facer nada máis. E, desde logo, non só non recomendo a súa adquisición, senón que deben modificar, eliminar, refacer, en base a criterios científicos, as entradas implicadas, e se non poden ou non queren...que sexa retirada a mentira de circulación.

29-maio-2011

Unha versión disto sairá no Galicia Confidencial.

Hoxe, dirixin un escrito solicitando que borren o meu nome e a miña achega

agardo resposta

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire