lundi 23 mai 2011

AGOCHARSE PARA REXURDIR


Ás veces
recoñézoo

afondo a ialma
na toupeira
lonxe das olladas
onde xa non son simple faciana

Hoxe é un dia deses
grises baixo un sol de xustiza

onde a tristura
é un berce baleiro

sen infancia

Na toupeira revivo os momentos
e nunha folla de soños

destingo as cores da ilusión

e deixo que o escuro
repouse na miña ialma


Hoxe non
preciso este internamento
para liberarme da loucura
ou do inentendible

Mañá pode que tampouco


Pero sei que cedo

sairei da toupeira
á procura de alimento

23-maio-2011...á procura do sentido

mercredi 18 mai 2011

UNHA SERPE NO NIÑO DO AMOR


Medraches
coa forza que dá o tempo

dunha vida sen sobresaltos

e eu era o amigo confidente

Acolliches nos teus soños
as imaxes dos contos
e creaches cores nunca olladas

Cando falabas
o teu optimismo contaxiaba
e eu non sabía realmente por que

E namorácheste
viches nel o rostro dos contos
e nos seus ollos o espello do amor

Non me facías caso
sei de homes que teñen
serpes
no niño do amor
"parvadas" respondiches enfadada

E casaches
o branco que sempre desexaras

a cor da felicidade dicías

e eu ateo entrei ver como te encadeabas

E comezou
pouco a pouco

os verbos perderon a súa paixón

dos adxectivos caeu a flor
e os substantivos fíxeronse frialdade
e a túa queixa era folerpa de outono

E díxencho
"déixao"

mais seguías pendurada dese espello

era amor dicías

E finalmente fuches nai
eras de novo feliz
mais eu intuía que soportabas
os ventos feridos

e durmias cada vez máis soa
e intuía todos os teus medos


"déixao"
"vaite"
"reconstrúe a túa vida"
e de novo nada

algo que non entendía
forxaba a túa condea


E sucedeu

desapareciches sen me escoitar
e sigo maldecindo a todas esas serpes
que matan o amor

Porque hai que denunciar, os ciumes non son amor, 18-maio-2011

ATADOS A UNHA SOMBRA


Xa non sabes canto tempo

Sempre?!

Sentada coa ollada perdida

nalgunha viaxe que descoñeces

as túas mans nerviosas aínda vivas

percorren a saltos os cadriños do mandil


O vento xoga co teu cabelo cano

e cansa o teu laio

xoga co eco da porta que bate


Quixeches fuxir un día

Pero a onde?

Ignorabas todo

ninguén te ensinara

e na igrexa ninguén podía

abrir o libro que precisabas


Si nai quixeches fuxir

pero quedaches por nós

seino


Vives atada a un desexo

a unha ilusión que te desilusiona

día a día


Agora cando as enrugas

salpican as túas mans

sei que vives unha contradición

tremen as respostas nas túas mans

Que sería de min sen o teu sacrificio?


Nun banco de madeira

co pan e co xamón

as túas mans agariman

o arrecende do tempo


Así, atados a unha sombra

deixamos que morra o día

mentres soñamos ti e eu

que quizais mañá

o sol derrubará esta sombra

Ás nais que deron a vida, 17-novembro-2007
poema que recupero hoxe, a foto é dun artigo de Emilio López en Terra e Tempo

samedi 14 mai 2011

MMM...QUE SERÁ...QUE NON ACREDITO NESTES SILENCIOS?


Recoñezo que xa perdín a capacidade de enfado: antes, e desde que participo en actividades políticas, recoñezo que cando facíamos algo importante e era silenciado, fervíame o sangue e maldicía ao estado de poder. Un exemplo que lembro: unha manifestación estatal de máis de 10.000 persoas en Salamanca totalmente silenciada.

Hoxe, despois dun bo número de anos ollando e coñecendo cal é a estratexia dos empresarios da información e do poder...xa non me abraia. Xa non me sorprende asistir ao muro de silencio sobre o continuado traballo que realiza a nosa organización en Compostela e da que son, por decisión asemblearia, cabeza de lista.

Hai na cidade, polo de agora, un medio que nos dedica un anaquiño, pequeno, pero algo é algo, e outro que, sistematicamente, agás un par de días de oito que levamos de campaña, silencia todo o que fan os non representados. Estratexia?

Debe ser iso que se chama información plural. E hai que ver como o espazo que se dedican aos representados é perfectamente "calculado", 1 páxina (PSdG), 1 páxina (PP), media (BNG). Isto nas seccións de edicións locais amais das que lles dedican en nacional. Pra os demais, silencio e silencio. Sinxelamente pido que non se queixe ningún dos 3 representados en Compostela sobre o tratamento que recibiron nos medios.

Até hai paradas sobre o que escriben (seguro que son eles?) nas redes...; curioso, quen escribe isto ten tamén as súas redes...e sempre as empregou pra informar de forma alternativa do que se silencia nos medios...., mais tamén aí curioso (ou non?) silencio.

E que dicir dos enormes gastos electorais? Sedes para as eleccións, colchonetas pra atrapar soños de nenos e nenas e votos de seus pais e nais, gafas pra non se sabe moi ben que, coches, asoballamento de publicidade de todo tipo (caramelos, chisqueiros, revistas (que non dípticos), pegatinas, bolis...; páxinas a cotío na prensa;....) Debe ser iso o que eles entende por austeridade.

En fin, hoxe collín a bici e procurei desconectar deste ruído pra acoller o das ideas que me achega a natureza. Coller folgos e seguir co duro traballo que será silenciado.

jeudi 12 mai 2011

TREMORES


Hai tremores de mar e tremores de terra

e levan a áncora da vida perforada

uns nas ondas dun mar ferido

outros nos muros de pedras enfurecidas


a min

fúranme todos deixando cinzas ardentes

cheas de memorias

asasinadas

no mar

e na terra

matadas


en min

xogan os medos todos da soidade

e

no espello

vexo un gris coitelo que asesta

indiferenzas nuns corpos

e ergue bandeiras noutros


o sangue...

sabe de fronteiras?

ÉBLOUISSEMENTS, DE MARTINE BRODA

Accedo á lectura dos versos afiados, coma segmentos de respiración, de Martine Broda a través de Ediciones Linteo (2009). A edición ofrece a versión en francés e unha tradución ao castelán obra de Miguel Veyrat que, nunha primeira lectura, semella sortear con habilidade as dificultades que presenta o verso de Martine Broda.

Aquí, como alimento inicial dun manxar máis reflexivo, déixovos cos seguintes versos e unha tradución ao galego miña (p. 70):

tu es grise, presque exténuée,
posée sur la grève, à côté du spectacle du monde

tu es aveugle et vue de toutes parts
des larmes coulent sans t'appartenir

gris, case extenuada,
pousada sobre o areal, face ao espectáculo do mundo

cega e ollada desde todas partes
as bágoas gotexan sen te pertencer

mardi 10 mai 2011

UN LAIO CHEO DE FAME


Efímero
laio
delicado
cheo de angurias

esténdese
no fondo do espello
coma ese mar

non hai abrazos
hai despedidas

unha boca de fame
e unha man de medos
que queren vida

quizais unha chamada
que se perde

pero NON
son vidas que se perden

as cruces invisibles da guerra
que o home libra contra o ser humano

samedi 7 mai 2011

RESPIRAR UN SOÑO


É curioso

no abafo do día
entre a choiva incesante
síntome coma ese faro
atrapado en terra
na corrente do vento

e oio
latexa o fondo respirar
dun mar que oulea
nas redes do enfeitizo

quero escapar
e sentar
na beira dos soños

imaxinando

entón o laio fuxe entre os dedos
como a area
dese reloxo universal
que non son quen
de entender

dimanche 17 avril 2011

PROCESIÓNS DE CURIOSA VORACIDADE HIPERCONSUMISTA


Ollei a foto da procesión curioseando nos medios dixitais. Sabía que era o primeiro sábado coas portas abertas a ese mastodonte do hiperconsumismo. E comprobei o que sospeitara: finalmente, eu tiña razón, somos poucos os que cremos que as cousas non se deben facer así.

A foto que recollo representa moi ben o concepto de procesión: enorme acumulación de persoas, en ringleiras e indo detrás dun ídolo. Vale, pode que a comparación non sexa perfecta, xa que o ídolo santificado non se move, pero tanto ten. O certo é que algo irracional move esa crenza de que aí, dentro das portas dese novo templo, atoparán...que?

E curioso, unha procesión de Semana Santa -que tampouco me atraen, non xa porque sexa ateo, senón porque as enormes masas de xentes me producen unha sensación de abafo- é máis ecolóxica nese deambular detrás da imaxe santificada. Aquí, a procesión ten o cheiro a tubo de escape, a aire contaminado, a goma queimada no asfalto, e inxentes cantidades de CO2 que se verten á atmosfera.

En fin, digo curiosa voracidade porque no fondo, a meirande parte sairá case sen nada substancial nas mans, pero con menos ca o que levaban. Pero algo levarán, como xesto de conquista, como proba da procesión.

Este modelo é insustentable en todos os parámetros:
a) na forma de comerciar e producir: canta vulneración de DD.HH. non se agochan nos beneficios de multinacionais?? Informes hainos, pero claro, ao igual que a guerra que declaramos, acontece en países e en xentes que nin queremos coñecer.
b) no forma de alimentar: comercio inxusto e insolidario: 4 compañías controlan o 50 % da alimentación industrial en España; a presión á que se ven sometidos labregos e labregas é inxente: loitan contra xigantes para non ter que pechar as súas pequenas e máis ecolóxicas formas de producir alimentos;
c) no modelo ambiental: xa o vimos: coches e máis coches, contaminación;
d) na propia dimensión económica: nun radio superior aos 15 quilómetros o pequeno comercio padecerá esa competencia (desleal) e pechará, e perderanse postos de traballo e...morrerán os barrios.

Sei que este modelo capitalista ten adeptos, claro. Por iso son capitalistas.

Unha forma máis de acentuar o individualismo co que vivimos os occidentais.

Xa o dixen antes, AVE (territorio), Cidade da Cultura (cultura-turismo) e Marineda City (modelo comercial) son expoñentes do capitalismo. Con iso queda dito todo.

dimanche 3 avril 2011

INDIVIDUALISMO E SILENCIOS DA GUERRA: U-LA POLÍTICA? U-LA IDEOLOXÍA?

Que fartura! Podo xurar que non me preocupaba o máis mínimo, pero onte, en todas as frontes mediáticas, o anuncio saía e abroiaba como auga de manantío, cunha diferenza: a de manantío é máis pura e, en moitas ocasións, apta para o consumo humano; a dos medios de masas é pura construción destrutiva da política, nociva para a elaboración tranquila do pensamento.

E hoxe, máis do mesmo, opinólogos que van a favor ou en contra do personaxe que renuncia; titulares que medio choran de tristura ou de ledicia, en función de onde zoe o vento editorial.

E a foto do personaxe en todos os lugares. Un mantra que se repite até a saciedade baleira de contido a política, a ideoloxía para reducirse a unha persoa, idolatrada ou vilipendiada. Porque, no fondo, uns pensan que coa saída do personaxe xa se garanten a posible vitoria, e outros, coa creación dun novo personaxe imaxinan unha posible vitoria.

Todos queren converter en santo ou demo a esa persoa, coma se todo o séquito de ministros e ministras do polo A, ou todo o séquito de parlamentarios e voceiros do polo B, quedase libre, mediante o relato da idolatría ou da iconoclastia respectivamente, de calquera culpa de ter participado na construción da destrución da política, da ideoloxía.

E mentres, ao outro lado do mar mediterráneo as bombas matan persoas por erro, ou por acerto, tanto ten...matan seres humanos. Onte, no Telexornal da Galega, por exemplo, ao mediodía, nin unha palabra sobre o tema. Ningunha. Silencio.

Claro. Hai consignas claras. Nesa guerra metéronnos todos eles, os dous polos da ecuación neoliberal e todos os divulgadores do pensamento único.